23.9.06

25 anos do Parlamento de Galicia - ILLAS CIES


Con motivo da celebración do vinte e cinco aniversario do Parlamento de Galicia, a Cámara, coa intención de promulgar o diálogo entre a cidadanía e dentro dun ciclo itinerante dedicado a sete temas de relevancia no marco de sete cidades galegas, convocou o día 23 de setembro a diferentes grupos, ONG e personaxes relacionados dalguna maneira co medio ambiente, para participar no evento "Reflexión, Responsabilidade, Reacción. Diálogos sostibles". A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) participou con quince asistentes, desprazados ata Vigo, coa vontade de colaborar en calquera iniciativa enfocada á defensa e conservación do noso medio común. O "Mar de Ons" trasladou aos participantes ata as Illas Cies, o noso único Parque Nacional, bandeira da reivindicación daqueles outros espacios que teñen méritos de sobra para alcanzar unha protección digna que os afaste da paulatina degradación.
Os actos iniciáronse cunha acción simbólica de defensa das dunas no areal de Rodas, que une a illa de Monteagudo coa de Faro, na que os participantes formaron unha cadea que rodeaba o sistema dunar a modo de barreira humana, mentres o fotógrafo Mani Moretón inmortalizaba o momento cunha serie de fotografías. Preto das 12:30 horas e no mesmo areal usado de escenario, organizouse un espectáculo de máscaras, mimo e danza intercalando diferentes discursos sobre o coidado da auga, o aire, a terra e o sol, que remataron coa intervención da Presidenta da Cámara, Dolores Villarino. Este acto foi retransmitido en directo pola televisión galega.
É este un bo momento para reivindicar o máximo coidado hacia o medio ambiente, xa non só coas dunas das Illas Cies, senón con todos os sistemas dunares do noso litoral, dos que xa se perderon o 75% nos últimos anos, froito do descoñecemento tanto dos políticos como da poboación en xeral. Aínda hoxe o home e a muller da calle non deixa de ver nas dunas un amontoamento de area, sen decatarse da súa importancia vital. Reivindicamos dende esta páxina a total protección das poucas dunas que nos quedan, empezando, ¡por que non! polo exemplo das Cies, dando pasos fundamentais como prohibir o acceso a elas e solucionar o problema dos cigarros ou cabichas que a maioría dos fumadores deixan baixo a area, algo que lamentablemente vimos na nosa estancia nas Illas. ¿Por que non prohibir fumar nas Illas Cies?. Decisión valente pero necesaria, xa que é imposible controlar aos moitos fumadores que non fan adecuado uso dos restos do seu vicio.
En canto á botánica, sinalar o recente e desgraciado suceso que permitiu que unhas obras de "acondicionamento" do solo que rodea ao faro das Illas, enlousara a poboación da "Herba da agulla" (Erodium maritimo). Temos que recordar que nesta Illa existían tan só 32 exemplares desta planta que coas 240 de Teixido en Cedeira, formaban as únicas poboacións desta especie en Galicia, especie que se atopa ameazada e que está incluída no "Libro Vermello da Flora Vascular ameazada de España" e presente en poucos puntos máis do Mediterraneo, sendo escasa tamén no resto de Europa.
Por último citar tamén aos eucaliptos que en número de 100.000 foron plantados nas Illas Cies, con moita alegría, nos anos 50 do século pasado e que tan difíciles son de erradicar agora. Esperamos e desexamos que estes actos simbólicos da Cámara galega sirvan para concienciar á sociedade en xeral sobre a necesidade de protexer o noso medio.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio