25.1.07

Chlamydoselachus anguinus – Unha quenlla prehistórica – (25-01-2007)




O día 25 de Xaneiro os medios de comunicación dedicaban texto e fotos á aparición dunha quenlla que foi recollida, aínda viva, polo persoal dun parque acuático en Xapón. O animal, que a prensa describe acertadamente como “similar a unha anguía e con dentes moi afiados, igual a un fosil vivinte”, pertence á orde do Clamidoselácidos e efectivamente, e polo momento, é a quenlla máis primitiva que existe. Chámase Tiburón anguía (Chlamydoselachus anguinus) e vive a grandes profundidades. O “Museo da Natureza” da SGHN dispón de tres exemplares desta especie, dous machos e unha femia. Os dous primeiros proceden do caladoiro do Canto e a segunda, máis grande (preto de 170 centímetros) foi atopada no Caladoiro da Selva.
O escaso espacio expositivo que dispoñemos imposibilita amosar os tres animais, polo que o visitante pode ver tan só un deles nunha urna de metacrilato, mentres os outros dous esperan conxelados tempos mellores.
Esta especie ten unha única aleta dorsal moi retrasada e posúe uns dentes tricúspides. As ringleiras de dentes están soldadas ao cranio do animal, característica co diferencia do resto das quenllas. Pare as súas crías vivas. Nembargante, descoñécese moitos datos da súa bioloxía.
En Galicia viven preto do noiro continental, entre os 600 aos 1.000 metros de profundidade. Aliméntase doutros peixes e os ollos son luminiscentes, unha constante naqueles animais que viven en hábitats abisais.
En castelán chámase Tiburón de Gorguera, un nome que fai referencia ás fendeduras branquiais que posúe, en número de seis e cun aspecto de colo plisado.

Etiquetas: ,

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio