26.1.07

¡UNHA PISCIFACTORÍA EN PONZOS! – (26 – xaneiro-2007)


A Xunta de Galicia deu a coñecer o borrador do Plan Galego de Acuicultura, cun total de 3.360.000 metros cadrados de superficie, que cumpre con tódalas normativas medioambientais e urbanísticas vixentes e que substitúe ao polémico Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria, deseñado polo goberno anterior, que ofrecía vinteún espacios cun total de 2.800.000 metros cadrados, oito deles situados en terreos da Rede Natura.
Se isto é así, entón non se entende a noticia publicada na prensa, pola que se proxecta a construcción dunha piscifactoría en PONZOS, cun total de 390.000 metros cadrados (superficie maior que a que ocuparía o paralizado proxecto de Cabo Touriñán). E non se entende, porque estamos a falar dun lugar de interese comunitario (LIC Costa Ártabra) e zona de Especial Protección para as Aves, incluído na Rede Natura. Para aqueles que non coñecen a zona cumpre dicir que en toda a franxa costeira comprendida entre Cabo Prior e Punta Ferruxeda se asentan importantes comunidades vexetais, endemismos como Omphalodes littoralis subsp. gallaecica por todo o cordón dunar e hábitats diferenciados con ata vinteseis mamíferos que viven nel ou o utilizan, algúns deles endemismos ibéricos e outros, como no caso dos mamíferos, estrictamente protexidos. A zona conta con depósitos cuaternarios de area en praias e sistemas dunares, chairas de asolagamento, cantís litorais e regos, que dan lugar a comunidades riparias e lacustres. Todo o conxunto ten un gran valor ecolóxico e paisaxístico, xa que esta é unha das zonas litorais mellor conservadas da costa galega, con escasa presencia humana e urbanística.
Os que coñecemos e disfrutamos a praia e o entorno de PONZOS, somos conscientes de que o seu maior valor é esa salvaxe pureza, afastada non se coñece como, do avance do urbanismo aínda que non das feridas que lle marcou unha torpe e inexplicable concentración parcelaria, deseñada supoño dende a ignorancia. ¡Cómo imaxinar que unha administración consinta en converter toda esa beleza paisaxística e ese valor ecolóxico nunha macro edificación de formigón, tanques, tubos, canalizacións, bombas e productos químicos, una industria que como tal, para producir consume e contamina, ben sexa con detritos, residuos alimenticios, clorito e outros elementos químicos ou calquera outro elemento!.
Dende a SGHN, esperamos e desexamos que a Xunta non consinta tal e non só preserve a zona senón repare os danos que anteriores administracións causaron nela.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio