10.6.07

Rexeitamento da mina de ANDALUCITA de Goente (As Pontes)


A SGHN, Verdegaia, ADEGA, Lapis Verdes, Fusquenlla, Plataforma Ártabra 21, Clube Montaña e veciñanza da parroquia afectada presentaron alegacións ao Proxecto de Explotación do xacemento de andalucita ubicado en Pico Vello - Goente (As Pontes). Con anterioridade a empresa xa presentara un proxecto que foi rexeitado por estar asentado dentro do Parque Natural das Fragas do Eume. No novo proxecto queda excluída a superficie integrada dentro do Parque, deixando unha franxa de amortecemento de impactos de 50 metros de ancho. As entidades alegantes expresan o seu absoluto rexeitamento a esta actuación por varios motivos:
PRIMEIRO - Dende o punto de vista dos hábitats existentes, a zona do xacemento está constituída na súa maior parte por unha fraga mesta e pasteiros, coa presencia de numerosas especies de fauna e flora con interese biolóxico, algunhas catalogadas como vulnerables pola Directiva Hábitat.
SEGUNDO - A franxa de amortecemento non é suficiente para librar o Parque das afeccións causadas pola contaminación da mina, sobre todo contaminación acústica (sobrepasando os límites permitidos) e atmosférica.
TERCEIRO - A instalación da escombreira a rentes do tío Gallel, afluente do Maciñeira, á súa vez afluente do Eume, suporá unha grave contaminación para todos eles, por lixiviados, escorreduras, etc. A forte pendente da ladeira na que vai estar situada impide calquera corrección posible.
CUARTO - A explotación do xacemento supón a desaparición dunha parte do tramo alto do rego Cernada, unha das fontes do río Belelle, que subministra auga potable aos concellos de Ferrol e Mugardos. Isto suporá unha baixada do caudal do río e a súa contaminación.
QUINTO - A zona na que vai estar ubicada a mina conta con varias explotacións gandeiras moi productivas que se verán afectadas, cando non directamente destruídas. Os impactos procederán da destrucción do espacio e da contaminación das augas que bebe o gando.
SEXTO - Impacto paisaxístico, a zona presenta un especial atractivo pola exuberancia das súas fragas e pasteiros, así como pola transparencia das súas augas, constituíndo unha das mellores entradas ao Parque. Ademais, discorre por ela un dos roteiros de sendeirismo do río Belelle. O lugar de Pico Vello, de gran atractivo como exemplo de poboamento rural, desaparecerá.
SÉPTIMO - Expostos os anteriores motivos, o argumento económico para xustificar a actuación queda totalmente desbancado. Sería unha explotación para doce anos con entre 20 e 30 postos de traballo de baixa cualificación, desprazando os postos de traballo reais no sector agrario e os posible postos de traballo no sector terciario que se poderán crear no caso de conservar a zona con todos os seus valores actuais. Por tratarse dunha empresa estranxeira, os beneficios non reverterían directamente na nosa economía.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio