16.6.07

Unha mina de Andalucita no FONTARDIÓN – (Xuño 2007)


En setembro de 2003 a Empresa “Picobello Andalucita”, unha compañía anglo-sudafricana, presentou un proxecto inicial de explotación dunha mina de Andalucita no se que coñece como o FONTARDIÓN en Goente (As Pontes) e que foi aprobado un ano despois polo Consello da Xunta. A metade da mina, naquel proxecto inicial, residía dentro do Parque Natural “Fraga do Eume”, a uns 800 metros do Canón do Eume, moi preto do espacio onde se atopa o niño de Bufo real e hábitat de especies tan importantes como a Tartaraña cincenta, a Salamántiga galega e o lobo entre outras especies. O propio Fontardión, unha cume de 665 metros de altura, forma parte do final do cordal da Serra do Forgoselo e serve de corredor ecolóxico entre o Eume e os vales dos ríos Xubia e Castro. Das faldras deste pico nacen varios ríos que polo sur, leste e oeste van a desembocar ao Eume, como é o caso do Sesín, “compañeiro” do Mosteiro de Caaveiro e o Murexoso, que deixa as súas augas no Canón do Eume. Pero ademais, a ladeira norte do Fontardión esconde o nacemento do noso Belelle, que leva auga aínda hoxe ata as casas de parte de Ferrol.


En febreiro de 2005 se somete a información pública o proxecto da mina e co cambio de Goberno se revisa o expediente. En maio de 2006, a empresa Picobello ameaza con abandonar o proxecto de explotación e emprender un proceso legal contra a Xunta, pola demora do expediente, que ficaba na Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Falan un proxecto de ten un presuposto de 21,5 millóns de euros e que di dará emprego a 65 persoas. Alegan que esta demora está a custarlles entre catro a cinco millóns de euros. O seu director explica que a mina “non vai afectar” a hábitats cunha protección especial e que conta a o seu favor con estudios encargados pola empresa á Universidade de Santiago. Recorda que é fundamentalmente unha zona de queirogais, que segundo a súa opinión “non pode verse afectada pola mina”, xa que esta utiliza técnicas puramente físicas e non químicas e non van ser usados explosivos para a extracción do mineral. Conclúe estas sorprendentes declaracións dicindo que a contaminación vai ser visual e sonora, aínda que se compromete a aceptar as medidas correctoras que se dispoñan – “Estamos dispostos a recoller tódalas queirugas, plantiña a plantiña e plantalas noutro sitio e abrir o Museo da Queiruga”. ¡Sen comentarios!.



A finais do 2006, Medio Ambiente emite un informe desfavorable que fai imposible a execución do proxecto e que da paso a outro novo e reformado e que ven a ser a metade do territorio inicialmente previsto, deixando fora o comprendido dentro do Parque Natural. A mina ocuparía agora a ladeira norte do Fontardión, estendéndose nesa dirección e ocupando como zona de cascallos o rego Gallel, afluente do Maciñeira, que a súa vez o é do Eume.


Este proxecto, de seguir adiante destruiría unha zona de gran valor ecolóxico, e por suposto afectaría de maneira directa ao nacemento do Belelle. Son moitas as ocasións na nosa Comunidade, nas que zonas cabeceiras de ríos vense afectadas por explotacións ou industrias, o que unido as talas indiscriminadas da vexetación de ribeira veñen a influír negativamente na calidade e caudal das augas.
A SGHN, xunto coa maioría dos grupos ecoloxistas, opóñense á apertura desta explotación, xa que a perda de valores naturais da nosa terra non se poden xustificar nin pola importancia do mineral, nin polo número de empregos.
Yosy (SGHN-Ferrol)
-----------------------------

Etiquetas: ,