31.1.08

Unha BALEA XIBARTE (Megaptera novaeangliae) enmallada no Golfo Ártabro – (29 xaneiro 2008)


Foi avistada o martes, 29 de xaneiro, polo pesqueiro “RENE II”, que deu o aviso a Salvamento Marítimo. O animal, unha BALEA XIBARTE (Megaptera novaeangliae) de entre 9 e 12 metros de lonxitude, resultara enmallada nunha liña de nasas para polbos, dentro do Golfo Ártabro, a unhas seis millas dende o Faro de Hércules.
Non é frecuente a presencia desta especie de cetáceo nas nosas augas. En Decembro do ano 1979 dérase unha situación similar na costa lucense, concretamente en Foz, cando unha balea duns once metros de lonxitude repetira unha situación similar á presente, con resultado da morte do animal que non puido resistir o lastre do aparello.
Lembrando aquela triste historia vivida na Sociedade Galega de Historia Natural con tristeza e impotencia, recibiuse este novo enmalle con preocupación.


O responsable de Mamíferos Mariños da SGHN, Juan Ignacio Díaz da Silva, do grupo de traballo da CEMMA desprazouse xunto con outro membro da Coordinadora do grupo de A Coruña, José Paradela, no barco da Garda Civil do Mar, que recolleu a ambos nos portos de orixe (Coruña e Ferrol) e os trasladou ata a zona onde se atopaba o animal.

O traballo tiña que facerse coa maior celeridade, coas dificultades que se poden supoñer polo tamaño do animal, a situación de debilidade polo tempo de enmalle e o gran peso da arte de pesca co inmobilizaba, ao que engadíase as poucas horas de luz que quedaban.

Eran as 19:25 horas, cando o mergullador da Garda Civil emerxeu tras cortar o derradeiro cabo das nasas que deixaba liberada por fin ao que pode ser o animal máis acrobático e cantareiro de entre todas as baleas. Que cando salta, saca o corpo case completamente fora da auga, deixando ver las grandes e brancas aletas pectorais, como se danzase.

Temos que significar a inestimable colaboración da Garda Civil do Mar, xa que sen a súa axuda non sería posible ter este final feliz.
Desexamos á nosa rara visitante unha boa viaxe na súa ruta migratoria e que non atope ningún outro atranco.

A Balea Xibarte, que quedou reducida a unha décima parte da súa poboación orixinal pola explotación baleeira, foi unha das primeiras baleas en recibir proteccións para impedir a súa extinción, proteccións que se manteñen na actualidade, sendo o enmalle en aparellos pesqueiros a causa máis frecuencia de morte, tendo como espada de Damocles, os repetidos intentos do goberno xaponés para recuperar as matanzas de esta especie.
Amosámosvos unhas cantas fotos da feliz aventura. Poucas, xa que a premura con que se fixo o rescate impediu obtener máis instantaneas do magnifíco animal e da acción.

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio