19.1.09

Lobo Mariño “BARDA” (Halichoerus grypus) - (O primeiro do ano)



O sábado, 17 de xaneiro, apareceu “BARDA”, o primeiro Lobo Mariño Cincento (Halichoerus grypus) do ano. Buscou refuxio nunha das zonas máis salvaxes e recónditas da nosa costa, a enseada de A Barda, entre Ponteceso e Corme, preto xa da Punta Roncudo, onde comeza a Costa da Morte.
A Garda Civil de Laxe a recolleu no areal, para facerlle máis doada a espera por nos, que viaxamos coa noite enriba para traela á UCI.
BARDA é un macho, escuro e suave, que baixou ata augas galegas e xa non soubo ou non puido voltar. Cansado e enfermo, acubillouse nas augas protexidas da enseada. Chegou, como noutros anos, nos primeiros días de xaneiro. Esperamos ter éxito nos coidados, sacar a este animal adiante e poder liberalo forte e sano para que poda ter outra posibilidade de vida.



--------

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio