23.2.09

GARZÓN e BERMEJO: caza legal … ¿caza moral?

E o peor da cuestión é que nos atopamos en período electoral, o que nos pon a todos os que reprobamos o comportamento destes homes nunha situación máis que incómoda, amén de sentirnos xa dabondo desilusionados cos supostos principios de homes e mulleres onte na oposición e hoxe no poder, antano críticos con vellos políticos que aliviaban o afogo que da a cúspide indo a matar ós máis indefensos, e que agora resulta que non son mellores que aqueles.
Hai que dicir que as lamentables afeccións destes dous personaxes deixounos a todos coa boca aberta e sen argumentos para defendelos ante o aproveitamento político que están a facer os adversarios.
Repúgname todo o que está a suceder a partir da escena noxenta de dous homes cos principios que se supón que defenden, exercendo unha das actividades máis execrables que pode desempeñar o ser humano, tan ó límite da legalidade moral e ética, e utilizo as dúas palabras porque ningunha relixión ten o patrimonio da moral e ningunha crenza social a ten da ética, ambas van xuntas e inseparables.
Certo é que se oíra que certo xuíz, o Xuíz con maiúsculas, era un dos asiduos visitantes de cotos polémicos, como a montaña palentina, territorio vaqueiro de furtivos e delincuentes de medio ambiente, onde vale máis unha escopeta que un oso. As veces unha pecha os ollos porque non remata de crer que alguén que imparte xustiza non a teña cos máis débiles. Que alguén que persigue a quen lle quita a vida a outro, dedique o seu tempo libre a sacarllea a quen non ten tribunal co defenda. ¡Qué circulo moral tan pequeno temos os humanos, no que tan só entran os da propia tribo e os do chalé de a carón!. Tódolos os que quedan fora das murallas non teñen dereito a vivir.
Pero sucede que cando un individuo alcanza un status na sociedade de tal rango, puidera ser que adquirira certa responsabilidade en canto a amosar cara ós demais un coidado exquisito no respecto á vida en xeral en non debera obviar que unha gran parte de poboación rexeita o exercicio da caza, considerándoo do mesmo xeito cun asasinato e a quen o exercita como un asasino. O xuíz que xulga a outras persoas polo seu comportamento debera ser como a muller do Cesar.
¿Que xuízo xusto tiveron os animais que masacrou e tódolos os que puido matar na súa vida?. ¿Cando e por qué decidiu que non podían vivir máis?. ¿É o exercicio da súa profesión o que lle provoca o desexo de saír ó campo a desafogarse matando?. ¿Por qué a cotío reborda xustiza e nos seus momentos de descanso é inxusto e cruel?.
O seu compañeiro de faena, a representación por excelente da xustiza, ten ó seu favor a derradeira noticia da súa renuncia, producida máis polo custo político que polo arrepentimento, porque a escena que todos puidemos ver non se improvisa, é froito dun exercicio cotián e insensible. Aínda así eu xa non poderei esquecer a defensa apaixonada dos seus compañeiros de partido, tentando defender o indefendible. Ata do ministro do interior, que significando que non lle gustaba a caza, a cualificaba de legal. ¿Cantas actitudes, señor Rubalcava, foron legais na historia, antes de deixar de selo?. Vostede coñece moi ben o xogo das palabras. ¿Non si?. E tamén sabe que a caza disfrázase con definicións que tentan disimular, atenuar ou esconder o seu verdadeiro significado, eufemismos como o de chamarlle “deporte”.

Nestes días os políticos decidiron a balanza da desilusión: uns por non repudiar a quen fai o mal e outros por aproveitar o desaguisado, criticando o que eles mesmos consenten e practican a cotío. Os que cremos que a xustiza ten que ser real e non de pacotilla, que tódolos individuos teñen dereito á vida e a un xuízo xusto antes de que se lla arrinquen, vaiamos ou non a votar o próximo día 1 de marzo, temos que reprobar as actitudes por pouca o nula base moral e pedirlle explicacións a quen as consinte, sexa cal sexa a ideoloxía que se atope detrás. Para os que xa estamos moi adiantados na perda de interese pola política e os seus representantes, froito dunha desilusión gañada a forza de enganos, xa é tarde. Yosy

Etiquetas:

17.2.09

Varamento de GOLFIÑO RISCADO (Stenella coeruleoalba)

GOLFIÑO RISCADO
Stenella coeruleoalba




Coñecida é a tendencia ós varamentos en terra desta especie, axudada pola gran cohesión das mandas. Nesta ocasión a dous exemplares moi noviños atrapounos a praia nunha ría de contrastes cromáticos creados pola mar que pinta de azul ou da cor da area. Un deles, quebrado pola súa doenza non conseguiu superala proba da terra e ficou morto alí onde a liña da marea marca o seu dominio. O outro, máis pequeno e alleo as augas someras, que seguiu ó primeiro na aventura, non encontrou xeito algún de volver ós seus dominios e quedou preto del, nunha cárcere sen volta.



Houbo quen pasou ó seu lado e non se doeu do pequeno náufrago na terra, que se fería nun desesperado intento de volver á auga. Pero houbo tamén outros que atenderon ó animal e lle prestaron axuda ata que chegamos ó seu carón.



Protección Civil, que como é habitual na maioría dos pobos da nosa Comunidade presta a súa axuda máis aló do inimaxinable, homes e mulleres dispostos sempre a colaborar en toda circunstancia que precise do seu apoio e que unha vez máis se fixo evidente nesta ocasión.



O grupo de traballo da CEMMA formado por membros da SGHN tratou de darlle ó animal unha segunda oportunidade para a vida e no intento colaboraron de xeito desinteresado dous embarcacións do Porto do Barqueiro, a pequena lancha de “Potes” e o pesqueiro “Antares”. Sen elas o animal e os seus coidadores non serían quen de saír do abrazo desta ría dominada polo Río Sor.


Ata tres veces varou o animal e tres tamén foron os intentos. Ó final o golfiño deixou atrás a Illa Coelleira, nadando con forza cara ó mar. --------------

Etiquetas:

Gaivota hiperbórea (Larus hyperboreus) en Burela


Mentres atendíamos a un varamento dun cetáceo no Porto de Burela, acompañounos a figura branca dunha Gaivota hiperbórea (Larus hyperboreus) Estas imaxes feitas a moita distancia e cunha cámara sen obxectivo son o aperitivo das magníficas instantáneas que se poden atopar no seguinte blog dun seguidor incansable das gaivotas:

http://gaviotasyanillas.blogspot.com/

Merece botarlle máis dunha ollada.
-----

Etiquetas:

13.2.09

Lobo mariño "BARDA" (Halichoerus grypus) - Saída da UCI

O Lobo mariño "BARDA" saíu o Domingo 8 de Febreiro da UCI da SGHN-CEMMA, conseguida a recuperación das afeccións que presentaba. Velaí esperando impaciente o momento de entrar na caixa de viaxe, rumbo ó Acuario de O Grove, onde exercitará os músculos para a súa próxima liberación.



"BARDA" no Acuario de O Grove, iniciando a segunda fase da súa recuperación, previa á recuperación total da liberdade.



Etiquetas:

VERQUIDO da planta de BIOCOMBUSTIBLES na Ría de FERROL

NOTA DE PRENSA
DE SGHN, ADEGA E VERDEGAIA

SOBRE O VERQUIDO DO DÍA 8 DE FEBREIRO
NO PORTO EXTERIOR DE FERROL



Ante o verquido que tivo lugar o pasado 8 de Febreiro no Porto Exterior de Ferrol debido ás actividades nas instalacións da empresa Entaban Biocombustibles e que afectou á Ría, os colectivos Sociedade Galega de Historia Natural, Adega e Verdegaia cualifican como tomadura de pelo afirmar, tal e como fixeron os responsables da Autoridade Portuaria de Ferrol, que os 10.000 litros de aceites vexetais e glicerina vertidos non son contaminantes, xa que cada litro de aceite ten a capacidade de contaminar entre 1.000 e 1 millón de litros de auga, dependendo do tipo de aceite. Os colectivos asinantes esiximos que se expliquen as causas técnicas deste accidente e que o proxecto de instalación e explotación de Entaban se faga público. Reclamamos tamén que a Fiscalía de Medio Ambiente sexa contundente con este tipo de accións, sendo sancionada a empresa e paralizada a súa actividade de non estar garantida a seguridade ambiental.


Son numerosas as consecuencias para a contorna que se derivan da vertedura de aceites: as aves engraxadas sofren dunha perda de capacidade illante no súa plumaxe e poden chegar a morrer por hipotermia de non ser tratadas. Ademais, a impregnación da plumaxe failles perder a flotabilidade e capacidade de voo. As afeccións ao medio mariño comezan dende o momento en que a película de aceite, que rapidamente se espalla podendo acadar milleiros de metros cadrados, reduce o paso de luz e impide o aporte de osíxeno ao ecosistema mariño, coa aparición a medio e longo prazo de sustancias tóxicas derivadas da descomposición dos aceites. Outra das consecuencias atópase na morte do plancto, base da cadea alimentaria.
Hai que lembrar que os efectos contaminantes deste verquido vense agravados polo feito de ser a Ría un sistema moi pechado, e coa construción do dique de abrigo do Porto Exterior reduciuse nun 60% o espacio de entrada e renovación das augas. Xunto a isto, a canle da Ría de Ferrol está incluída na Rede Natura 2000, sendo o Porto Exterior unha infraestrutura descontextualizada en relación á súa contorna, xa que os terreos onde está situado foron expresamente excluídos da Rede Natura 2000 para a construción daquel. Cada litro de aceite, e neste caso foron 10.000 segundo a versión oficial, pode contaminar de 1.000 a 1 millón de litros de agua, polo que é cando menos irresponsable e bota por terra tódalas campañas de concienciación da cidadanía sobre recollida de aceites de cociña usados, afirmar que non contamina.


Os colectivos asinantes queremos saber cales foron as causas técnicas polas que nunha planta de recente construción un só erro humano, segundo a versión oficial, pode provocar un verquido directo ao medio mariño. A cidadanía ten dereito a coñecer, cousa que se nos negou en reiteradas ocasións por parte do Concello de Ferrol, o proxecto de instalación e explotación de Entaban. Queremos saber cales son os medios cos que conta esta empresa para evitar que outra fuga acabe na Ría de Ferrol (“Ao pañol grande”). No caso de non contar coas medidas de seguridade necesarias, como puxo de manifesto este verquido, esiximos a paralización da actividade. Ademais, a Fiscalía de Medio Ambiente debe ser contundente con este tipo de actuacións, sancionando á empresa.
Tamén queremos subliñar o feito de que na dársena de Caneliñas estase a construír outra planta de similares características (Infinita-Renovables) á que o Concello de Ferrol no seu día lle otorgou licenzas de obra incumprindo a Lei de Ordenación Urbanística. Esta segunda instalación multiplicarías as posibles infeccións á Ría.
Ferrol non necesita empresas que, como Entaban, dilapiden seis millóns de euros do diñeiro público nunha factoría que non garante a seguridade ambiental para a nosa Ría e contribúe á destrución das comunidades de onde obtén as materias primas que emprega na produción de biodiesel.

-----

Etiquetas: