23.2.09

GARZÓN e BERMEJO: caza legal … ¿caza moral?

E o peor da cuestión é que nos atopamos en período electoral, o que nos pon a todos os que reprobamos o comportamento destes homes nunha situación máis que incómoda, amén de sentirnos xa dabondo desilusionados cos supostos principios de homes e mulleres onte na oposición e hoxe no poder, antano críticos con vellos políticos que aliviaban o afogo que da a cúspide indo a matar ós máis indefensos, e que agora resulta que non son mellores que aqueles.
Hai que dicir que as lamentables afeccións destes dous personaxes deixounos a todos coa boca aberta e sen argumentos para defendelos ante o aproveitamento político que están a facer os adversarios.
Repúgname todo o que está a suceder a partir da escena noxenta de dous homes cos principios que se supón que defenden, exercendo unha das actividades máis execrables que pode desempeñar o ser humano, tan ó límite da legalidade moral e ética, e utilizo as dúas palabras porque ningunha relixión ten o patrimonio da moral e ningunha crenza social a ten da ética, ambas van xuntas e inseparables.
Certo é que se oíra que certo xuíz, o Xuíz con maiúsculas, era un dos asiduos visitantes de cotos polémicos, como a montaña palentina, territorio vaqueiro de furtivos e delincuentes de medio ambiente, onde vale máis unha escopeta que un oso. As veces unha pecha os ollos porque non remata de crer que alguén que imparte xustiza non a teña cos máis débiles. Que alguén que persigue a quen lle quita a vida a outro, dedique o seu tempo libre a sacarllea a quen non ten tribunal co defenda. ¡Qué circulo moral tan pequeno temos os humanos, no que tan só entran os da propia tribo e os do chalé de a carón!. Tódolos os que quedan fora das murallas non teñen dereito a vivir.
Pero sucede que cando un individuo alcanza un status na sociedade de tal rango, puidera ser que adquirira certa responsabilidade en canto a amosar cara ós demais un coidado exquisito no respecto á vida en xeral en non debera obviar que unha gran parte de poboación rexeita o exercicio da caza, considerándoo do mesmo xeito cun asasinato e a quen o exercita como un asasino. O xuíz que xulga a outras persoas polo seu comportamento debera ser como a muller do Cesar.
¿Que xuízo xusto tiveron os animais que masacrou e tódolos os que puido matar na súa vida?. ¿Cando e por qué decidiu que non podían vivir máis?. ¿É o exercicio da súa profesión o que lle provoca o desexo de saír ó campo a desafogarse matando?. ¿Por qué a cotío reborda xustiza e nos seus momentos de descanso é inxusto e cruel?.
O seu compañeiro de faena, a representación por excelente da xustiza, ten ó seu favor a derradeira noticia da súa renuncia, producida máis polo custo político que polo arrepentimento, porque a escena que todos puidemos ver non se improvisa, é froito dun exercicio cotián e insensible. Aínda así eu xa non poderei esquecer a defensa apaixonada dos seus compañeiros de partido, tentando defender o indefendible. Ata do ministro do interior, que significando que non lle gustaba a caza, a cualificaba de legal. ¿Cantas actitudes, señor Rubalcava, foron legais na historia, antes de deixar de selo?. Vostede coñece moi ben o xogo das palabras. ¿Non si?. E tamén sabe que a caza disfrázase con definicións que tentan disimular, atenuar ou esconder o seu verdadeiro significado, eufemismos como o de chamarlle “deporte”.

Nestes días os políticos decidiron a balanza da desilusión: uns por non repudiar a quen fai o mal e outros por aproveitar o desaguisado, criticando o que eles mesmos consenten e practican a cotío. Os que cremos que a xustiza ten que ser real e non de pacotilla, que tódolos individuos teñen dereito á vida e a un xuízo xusto antes de que se lla arrinquen, vaiamos ou non a votar o próximo día 1 de marzo, temos que reprobar as actitudes por pouca o nula base moral e pedirlle explicacións a quen as consinte, sexa cal sexa a ideoloxía que se atope detrás. Para os que xa estamos moi adiantados na perda de interese pola política e os seus representantes, froito dunha desilusión gañada a forza de enganos, xa é tarde. Yosy

Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio