29.6.09

Tartaruga mariña “BONITA” (Caretta caretta)

Esta Tartaruga mariña ou Tartaruga boba (Caretta caretta) ingresou na nosa UCI da SGHN-CEMMA o Sábado 27 de xuño, tras desembarcar no Porto de Marín a bordo do barco do Servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia “Irmáns García Nodal”, que presta axuda na Costeira do Bonito.
Foron os tripulantes deste barco os que atoparon ó animal, a 450 millas da costa galega e que ante a debilidade amosada polo animal, que aboiaba sobre as olas cunha equipaxe de lepas adheridas ó seu corpo en gran cantidade e cun peso que supera ó propio do quelónidos, a recolleron e subiron a bordo.


No barco atopábase un membro de CEMMA, desenvolvendo as funcións de observación de cetáceos durante a presente campaña do bonito e foi el o que se fixo cargo da tartaruga ata que se puido volver a terra.




A tripulación do “Irmáns García Nodal” lle puxo o nome: unha “BONITA” no medio dos prezados bonitos do Atlántico, e así quedou rexistrada no seu ingreso na UCI.
Iníciase así a recuperación desta tartaruga de pouco máis de vinteseis centímetros e uns 1.200 gramos de peso, coa esperanza de poder recuperala sen problemas e que en breve poda volver a liberdade nesa viaxe longa e difícil que as Tartarugas mariñas realizan ó longo da súa vida.

------

Etiquetas: