10.12.09

TARTARUGA DE COIRO (Dermochelys coriacea): Unha reliquia do pasado

A primeira vez que na SGHN recollimos o corpo dunha Tartaruga de coiro, un animal algo máis pequeno que este, a persoa que nos levou ata ela, a describiu como un “monstro mariño” e non como unha tartaruga, xa que non tiña unha cuncha como elas Aquel animal descansaba sobre un entarimado de madeira na lonxa de Ferrol, atrapado accidentalmente nas redes dun pesqueiro, causaba o estupor de quen a miraba.
Para este animal considerado “ameazado”, que se inclúe no apéndice I do CITES, no apéndice II co Convenio de Berna e que se atopa como especie prioritaria para a CEE, os perigos derivados do tráfico marítimo e da pesca son unha das maiores ameazas, xunto coa desaparición do seu territorio de reproducción e a mala saúde dos océanos.



A vida deste enorme animal é practicamente peláxica, fora dos momentos da posta de ovos nas praias de centroamérica, na Guayana francesa de xeito especial e na cosa noroccidental de Africa. A etapa reproductiva é un dos momentos máis críticos na súa vida, que algúns exemplares non superan. As femias poden facer nidadas de máis de 150 ovos de cada vez en varias saídas a terra. Cando os ovos eclosionan as crías loitan por chegar ó océano nun camiño cheo de perigos, onde os pequenos animais duns 50 mm de longo desafían a unha morea de depredadores que merman considerablemente o éxito reproductivo destes galápagos.
A tartaruga da foto ten máis dun metro e medio de lonxitude, pero aínda podería crecer máis, ata superar os dous metros con máis de 500 quilos de peso. O seu nome en galego “de coiro” define perfectamente a impresión que se ten cado vemos a este animal, con todas esas laminiñas óseas revestidas con pel. A súa viaxe truncouse en augas galegas, ficando así enriba da area arrastrado pola forte marea dos últimos días, con fortes ventos do Sur.



Etiquetas:

0 comentarios:

Publicar un comentario

Suscribirse a Enviar comentarios [Atom]

<< Inicio